miércoles, 20 de mayo de 2009

17 de maio tardío

O domigo foi o día das Letras Galegas. Para pensar na terra e nas verbas. Ao lonxe e con morriña.





Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...


Celso Emilio Ferreiro

3 comentarios:

♥ meninheira ♥ dijo...

Encántame Ferreiro e esta poesía chégame dentro.

bailadora dijo...

Graciñas,

a verdade é que sí que chega...

bicos!

María Sol dijo...

Porque me gusta, porque me peta, quero e dáme a gana. E sen dar máis explicacións, é parte do noso patrimonio e podemos usar os versos de Celso Emilio cando nos conveña.
Parabéns polo teu blogue, que acabo de descubrilo a través dos tartarouchos. Seguro que o visitarei moitas máis veces e che deixarei comentarios, porque me gusta (neste caso o teu blogue), porque me peta e quero e dáme a gana.
Bicos e graciñas polo teu labor. Isto para min si que é normalización lingüística e o demais farrapos de gaitas.